Presentouse O PEIZOQUE ROQUE na Coruña
Autor: administrador | | Tags: dores tembrás, francisco castro, o peizoque roque, xosé tomás | Categorías: Novidades |
Galletas, palabras, poesía para un paxariño engaiolante
A carpa que acolle as presentacións de libros na Feira da Coruña quedou pequena para acoller o público que se achegou a acompañar a Dores Tembrás e Xosé Tomás na presentación, canda o escritor e editor Francisco Castro, do libro ‘O peizoque Roque‘. A expectación foi tanta que, rematado o acto, autora e ilustrador tiveron que instalarse nun espazo fóra da carpa para, durante unha hora, seguir asinando exemplares e repartindo galletas con palabras de chocolate que Dores Tembrás se encargou de traer para alimentar aos lectores e lectoras co mesmo agarimo que o Peizoque se alimenta de palabras nesta historia agora publicada na colección Os Duros.
Tralas protocolarias verbas de presentación, Dores Tembrás e Xosé Tomás contaron a historia do Peizoque previo reparto entre algúns dos nenos e nenas presentes, dalgunhas das palabras que no conto van enchendo ao peizoquiño. Así, mentres a autora contaba, o ilustrador, diante dos nosos sorprendidos e divertidos ollos, puña imaxes ao tempo que ambos os dous interactuaban co público infantil.
Un serán inesquecible para Dores Tembrás, Xosé Tomás e O peizoque Roque. E para todos e todas os que alí estivemos.
Facendo clic sobre a imaxe poderás ver mellor algunhas fotos desta feliz, poética e alimenticia xornada.




