A gran obra sobre Murguía
Autor: administrador | | Tags: castelao na luz e na sombra, manuel murguía, valentín paz andrade, xiosé ramón barreiro fernández | Categorías: Novidades |
Xosé Ramón Barreiro publica a biografía definitiva sobre Manuel Murguía na colección ‘Grandes Biografías’ de Galaxia
Xusto antes das Letras, a Editorial Galaxia botaba a andar a colección ‘Grandes Biografías’ que, como ben o seu nome indica, vai publicar grandes estudos centrados nos persoeiros máis importantes da nosa cultura. A colección inciábase co monumental traballo de Valentín Paz-Andrade, ‘Castelao na luz e na sombra’, do que xa falamos dabondo aquí, e con este libro que hoxe reseñamos: ‘Murguía’, a cargo do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Estamos diante dunha obra de case que mil páxinas nas que se revisan todas as perspectivas vitais do que foi primeiro Presidente da Real Academia Galega e esposo de Rosalía de Castro.
Sen dúbida, unha obra esencial para quen queira achegarse a esta figura esencial do galeguismo e da historia do noso país.





Xuño 6th, 2012 at 10:30 am
Desde que souben pola estrea na tvg daquel documental de Durán sobre Rosalía que Barreiro estaba traballando nunha biografía de Murguía, estívena esperando con verdadeira impaciencia. A verdade é que mereceu a pena: é unha obra estupenda, rigorosa e documentada ata o último detalle, de lectura doada e tan apaixonante que en moitas ocasións esquéceste de que estás lendo unha biografía. A intensidade do relato e a absoluta singularidade da traxectoria vital de Murguía, achégannos ao xénero de ficción. A única eiva que notei foi no tratamento das peripecias de Murguía durante o sexenio revolucionario, é tal a cantidade de datos referidos ao acontecer laboral do protagonista cos que se atopa o autor que deixa un pouco de lado todo o relativo ao proceso histórico que se estaba vivindo e no que, coido, Murguía tería postas moitas esperanzas. Nin as expectativas iniciais que podería abrigar para a solución política e social dos problemas de Galicia, nin as frustracións posteriores están nada claras.
En Galicia cóntanse cos dedos dunha man as biografías coa calidade e intensidade desta. É un subxénero pouco tratado ou tratado de maneira superficial, as excepcións quizais sexan a biografía que fixo Paz Andrade sobre Castelao, a de Gonzalo Allegue sobre Blanco Amor e a de Luis Rei de Cabanillas. Interesante foi tamén a de Manuel Ferreiro sobre Pondal, pero coido que non esgotou o tema nin moito menos. Agora anúnciannos unha de Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás e outra de Manuel Antonio a cargo de Xosé Luis Axeitos. A ver se calla o exemplo e temos pronto a biografía de Rosalía e a de Curros, para Rosalía o vindeiro ano sería unha data moi axeitada.