O Blog de Editorial Galaxia
Mai 23

Crónica das Letras 2012 en Madrid

Autor: Xavier Frías Conde | | Categorías: Artigos de autor |

Xa pasaron quince anos. Quince anos (e máis do nacemento) dun movemento literario de expresión galega en Madrid que foi chamado Grupo Bilbao e que quedou con ese nome non se sabe moi ben por que razóns. Hai moitas incógnitas arredor del, aínda que pareza mentira, como quen é parte dese grupo exactamente (moita brincadeira fixemos sobre dar un carné de membro, con foto e, certamente, con cuotas). Porén, hai uns días enchemos a libraría Aturuxo de Madrid por mor do lanzamento do libro colectivo Bilbao, antoloxía bilingüe de dez dos poetas do Grupo, publicada por Amargord. Nos días anteriores víronse fotos de todos nós hai máis de dez e até de doce anos. O programa de actos do ano 2012 non tivo nada que envexar ao realizado en calquera punto de Galiza, desenvolvido conxuntamente pola UNED, a UCM e o Espazo Ibérico das Linguas, xunto coa colaboración da libraría Aturuxo de Madrid. Ademais da homenaxe de rigor a Paz-Andrade (cunha exposición maxistral de Tucho Calvo), fíxose unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, onde participaron algúns dos que mellor o coñeceron en Madrid, como Inés Canosa. Doutra banda realizouse un simposio sobre o Grupo Bilbao pola primeira vez na historia, onde se debateu, se confrontaron ideas e se chegou a conclusións interesantes; quedou, ademais, patente a vontade do Grupo Bilbao de continuar a ser un referente da literatura galega en Madrid, un colectivo vivo que procura o seu espazo na literatura galega (quedou tamén patente que tamén desde algún recantiño en Galiza non se ve con bos ollos que un puñado de irredutíbeis madrigalegos queiran ter un espazo de seu).

Penso que é de xustiza reivindicar nomes como o de Rafa Yáñez, Ana Cibeira ou Begoña Regueiro. Habemos ser conscientes que temos unha das literaturas máis potentes de Europa, mais coa peculiaridade de que é multipolar, onde un dos polos non é nin Coruña, nin Santiago, nin Vigo, senón Madrid. Porque en Madrid houbo e hai presenza ininterrompida de autores galegos xa desde Rosalía e esa presenza é hoxe a do Grupo Bilbao. Convídovos, de novo, a coñecer o que por aquí se coce, que por riba recende.

1 Resposta de “Crónica das Letras 2012 en Madrid”

  1. 1
    Elena Urraca Eclair Hurra:

    Estiven na presentación do libro “Bilbao” en Aturuxo, , foi un éxito e estivo moi alegre e emotiva.
    Estou totalmente acordo coa túa defensa da presenza non só en Madrid sino tamén no resto do Mundo de representantes da lingua e literatura galega. Nós somos poboadores universais e coma tal temos que estar nél. Non son benvidos os reductismos nin os apoderamientos de nigunha lingua, poesía ou cultura.
    Grazas, Xavier.

Deixa unha réplica

Debes cubrir o campo de texto coas letras e numeros aqui expostos: primeiro un X agora un j agora W agora un F despois pon a  1 despois 2 o seguinte e un 6

A opinión de

    Paulo Calvo

    21/05/13

    Paulo Calvo
    Rosalía

    Cando me enterei do novo concurso tuiteiro de Galaxia, inmediatamente comecei a cavilar e a enviar chíos. Os primeiros eran guerrilleiros, políticos, contestatarios, galeguistas… Porque para min Rosalía non é esa muller melancólica e chorona que tanto promulgan algúns senón unha persoa valente, afoutada e rebelde. Capaz de esixir A xustiza pola man.

    Mais os seguintes chíos viraron cara a temas máis bucólicos… Como un rapaz coma min da Amaía non ía facer referencia ás paisaxes labradas polo río Sar das que tanto falou Rosalía? Ortoño, Bastabales, Padrón… Porque Rosalía tamén é paisaxe, choiva, ríos, silveiras, fontes e figueiriñas que eu (tamén) plantei…

    Finalmente, os meus últimos chíos – do cal saíu o gañador – xiraron ó redor de nós. Dos galegos. Da xente das aldeas e máis das vilas. Dos que quedaron e dos que tiveron que marchar lonxe da terriña deixando viúvas de vivos. E lembrei os contos de miña avoa querida. Lembrei a infancia. Lembrei a aldeíña, o monte, o arrecendo da herba…

    Lembrei todo aquilo que ben quixen un día…

    Lembrei a Rosalía.

Os artigos de

Tamén podes ler

Revista de prensa

A recomendación de...

Gracia Santorum

Un chapeu negro e un nariz de pallaso

Arquivos

Temas


Útimos Posts


Últimos Comentarios