Eduardo Santiago: 2044 (4)
Autor: administrador2 | | Tags: 2044; eduardo santiago | Categorías: Balcón de libros |
Se me tivese que definir cunha palabra diría que son un incrédulo. Pero tamén son moi racional. De neno fun un traste, de adolescente un inconformista. Pertenzo a unha xeración que nos criamos na rúa. Na casa non había libros, nin sequera os de texto. Aínda agora non sei como fun quen de superar a educación xeral básica tendo en conta os escasos recursos dos que dispoñían meus pais. Descubrir a Biblioteca Municipal de Pontevedra, na adolescencia, foi para min unha beizón. Dende aquí quero reivindicar o papel fundamental das bibliotecas públicas no desenvolvemento cultural da sociedade. Hai uns días unha boa amiga que traballa nunha biblioteca pública preguntoume se non me parecía mal que pedise o meu libro para a biblioteca. E por que me ía parecer mal? Porque ao mellor prefires que o merquen, respondeu ela. Claro que quero que o merquen, contesteille eu, pero o que máis me satisfai é que o lean. Por suposto que estarei encantado de que teñades o libro na biblioteca para que o poidan ler todos os usuarios que o desexen.
En contra do que opinan algúns, penso que as bibliotecas non constitúen un atranco para o desenvolvemento das industrias culturais, senón todo o contrario. As bibliotecas públicas contribúen dun xeito eficaz á difusión da cultura, e cando a cultura se esparexe gañamos todos, tanto os cidadáns como as industrias que a fan posible. Como son moi racional nunca me pasou polo maxín a posibilidade de privatizar o aire que respiramos, como tampouco se me ocorrería nunca cobrar por consultar un libro nunha biblioteca. A quen se lle ocorreu esta disparatada idea, tamén se lle ocorreu agora manter os servizos públicos co voluntariado. Este tipo de actuacións pon de manifesto o valor que para esta xente ten, non só a cultura, senón todos os servizos públicos en xeral.




