O Blog de Editorial Galaxia
Set 1

Crise

Autor: Francisco Castro | | Categorías: Artigos de autor |

Hoxe é volta á realidade para moitas e para moitos. E dende primeira hora as radios, as teles, a rede, o facebook, o twitter… todos os medios polos que agora nos entra coma fervenza unha realidade que non se para, falan de que vai ser a tempada máis dura de todas as que lembramos. De feito, na portada dun xornal galego, só na portada, atopo as verbas desplome, suspensión, tensión, pérdidas, apuros e baleiro. Todo iso en novas distintas.

Daquela, crise, si. Problemas, de certo. Dificultades, unha chea delas.

Non imos negar o obvio.

Pero malia todo iso temos unha cultura que facer, libros que escribir, cancións que compoñer, lingua que falar, terra que sentir, futuro que construir. Xa sabemos dos problemas que ha traer todo o que vén aí. Xa vimos pechar un xornal en pleno verán cando aínda estaba moi recente o peche doutro. Xa limos os tristes augurios dos profetas da negritude en todos cantos foros se lles deixa falar. Xa sabemos de todo iso. Pero os creadores, os que andamos na batalla da construción do país, dun imaxinario simbólico onde viven as historias, os acordes, as cores todas posibles dun futuro que queremos noso, imos ter que erguernos igual pola mañá para ollar para o único lugar onde é intelixente ter agora a ollada posta: o futuro, que nunca pode ser visionado como horizonte tristeiro, senón como posibilidade de medre e esperanza a gañar.

A realidade, é posible, non vai axudarnos. Pero nunca as cousas foron fáciles. Os que nos precederon pasáronas canutas e foron quen de gañar un futuro guiándose só polo seu entusiasmo e a súa paixón. Nós imos dar igual a batalla. A crise non vai impedir que se nos ocorran tramas fascinantes. A situación económica non vai facer que as cancións saian máis tristeiras.

Crise, si. Pero o corazón latexa coma sempre…

2 Respostas de “Crise”

  1. 1
    Zeltia:

    eu xa copy pasteo un párrafo para enviarllo ao meu fillo, que ve o seu futuro negro.

    grazas

  2. 2
    Esther:

    E mentres o corazón siga latexando coma sempre, ¿ quén falou de crise ? A crise que sí me preocupa é a crise do corazón, a dos sentimentos, a crise da solidariedade, a crise de empatía, a crise de humanidade. Iso é moito peor… Iso sí que é ” crítico “.

Deixa unha réplica

Debes cubrir o campo de texto coas letras e numeros aqui expostos: primeiro un 1 o seguinte e un U agora 8 agora un v o seguinte e un j

A opinión de

    Paulo Calvo

    21/05/13

    Paulo Calvo
    Rosalía

    Cando me enterei do novo concurso tuiteiro de Galaxia, inmediatamente comecei a cavilar e a enviar chíos. Os primeiros eran guerrilleiros, políticos, contestatarios, galeguistas… Porque para min Rosalía non é esa muller melancólica e chorona que tanto promulgan algúns senón unha persoa valente, afoutada e rebelde. Capaz de esixir A xustiza pola man.

    Mais os seguintes chíos viraron cara a temas máis bucólicos… Como un rapaz coma min da Amaía non ía facer referencia ás paisaxes labradas polo río Sar das que tanto falou Rosalía? Ortoño, Bastabales, Padrón… Porque Rosalía tamén é paisaxe, choiva, ríos, silveiras, fontes e figueiriñas que eu (tamén) plantei…

    Finalmente, os meus últimos chíos – do cal saíu o gañador – xiraron ó redor de nós. Dos galegos. Da xente das aldeas e máis das vilas. Dos que quedaron e dos que tiveron que marchar lonxe da terriña deixando viúvas de vivos. E lembrei os contos de miña avoa querida. Lembrei a infancia. Lembrei a aldeíña, o monte, o arrecendo da herba…

    Lembrei todo aquilo que ben quixen un día…

    Lembrei a Rosalía.

Os artigos de

Tamén podes ler

Revista de prensa

A recomendación de...

Gracia Santorum

Un chapeu negro e un nariz de pallaso

Arquivos

Temas


Útimos Posts


Últimos Comentarios