Son lexión os lectores e lectoras do mundo enteiro que recoñecen unha débeda fundamental con John Steinbeck por obras inmorrentes, en boa medida popularizadas dun xeito global polo cinema, como ‘As uvas da ira’ ou ‘Ao leste do Edén’, esta última protagonizada polo inesquecible James Dean.
‘A perla’, outro dos seus clásicos que agora publicamos nunha nova edición (e xa van nove) na colección Costa Oeste, chega estes días ás librerías de todo o país. Estamos diante da historia dunha perla que cambia a vida enteira dunha familia por completo. Unha histora que cativa dende as primeiras liñas e que non nos deixa descansar ata chegar ao final.
Consideracións persoais sobre Física teórica 3. O tempo.
O tempo é unha das catro dimensións que definen o espazo-tempo no que vivimos, ou no que existimos. Así como o espazo coñecido ten tres dimensións (alto, ancho e largo) o tempo ten unha soa e non se pode deter, flúe irremediablemente cara a diante. Por iso non son posibles as viaxes no tempo, porque para dar a volta tería que haber outra dimensión. O tempo tamén é unha magnitude que se emprega para medir distancias astronómicas. Para saber o afastada que se atopa unha estrela ou unha galaxia, medimos o tempo que tarda a luz en chegar á Terra. E o certo é que cando medimos o tempo, en realidade, o que estamos a facer é medir distancias. O ano é o espazo que percorre a Terra cando da unha volta arredor do Sol. Un día é unha rotación completa da Terra sobre o seu eixo. Horas, minutos e segundos veñen determinados polo ángulo que percorre a agulla do reloxo. O tempo atómico está definido pola oscilación dun átomo de cesio. Hai físicos que conciben o tempo como unha especie de escuma, cuxa escala fundamental podería ser borrosa, e tamén os hai que pensan que, en realidade, o tempo non existe, que é unha ilusión. En 2044 hai un tempo real, polo que deambulan as e os protagonistas da novela, e un tempo imaxinario, polo que só transitan algunhas. O tempo imaxinario non pertence á realidade física, e permite as viaxes ao pasado (aínda que non de corpos físicos) porque o único que se move por este tempo é a información.
A Galicia exterior existe. Chámase Antía, ten 3 anos e medio, filla de Sandra e Ruy, vella estirpe galega, zamorana, diaguita (nos pagos de Catamarca) e calabresa. Na casa fálase galego e cántase tamén con Mamá Cabra. Antía empeza a dar os seus primeiros pasos na nosa lingua coa música máis divertida do país.
Un exemplo máis de que a lingua galega é, como todas as linguas, un ser vivo que non coñece fronteiras. Os idiomas son espazos de comunicación, pero tamén de experiencias compartidas, memoria, emocións, e moi fundamentalmente, afectos.
Hoxe, con máis forza aínda, dicimos galego, galego, galego, galego, galego
Hoxe é o Día Internacional da Lingua Materna. Todos temos unha lingua de nós. O xénero humano, diverso como todo na natureza, soubo facer agromar das súas necesidades comunicativas un xeito de lle chamar as cousas, de se referir a elas, de cantar a beleza. En Galicia esa lingua é o galego. A nosa lingua propia. A lingua de Nós.
Hoxe, ameazada a fala propia, rota a transmisión xeracional de pais e nais a fillos e fillas, que é a base da supervivencia lingüística, dicimos con máis forza ca nunca galego, galego, galego, galego. Se renunciamos a lingua propia estamos renunciando a que sega latindo o corazón, a que continúe a vida que nos deu a historia, o noso ADN máis forte, a nosa capacidade para nomear a vida dunha maneira singular. Se renunciamos a lingua galega, estaremos caendo na peor das traizóns: a que nos leva a deixar de ser nós por noxo, por prexuízo, por ignorancia, por fastío, por costume.
No Día da Lingua Materna non podemos lanzar grandes discursos. Podemos seguir falando, cantando, soñando, escribindo, debatendo, amando, en galego.
Consideracións persoais sobre Física teórica 2. O espazo.
Aristóteles, pensador grego do século IV antes da nosa Era, que se atrevía con todo, tanto físico coma metafísico, definía o espazo como “a fronteira estática máis pequena que contén un obxecto”. Isaac Newton, no século XVII, concibiu un espazo de carácter absoluto, como un tecido invisible e infinito que abrangue todo o universo. Albert Einstein, nos primeiros anos do século XX, demostrou que non podemos entender o espazo sen ter en conta o tempo, e que o espazo-tempo non ten carácter absoluto, senón que se deforma pola acción da materia e da velocidade. A Teoría da relatividade, que explica todos os fenómenos físicos do universo coñecidos a nivel macrocósmico, está baseada nun espazo-tempo de catro dimensións, tres espaciais e unha temporal. Pero a moderna Teoría de cordas, coa que se pretende unificar a relatividade coa mecánica cuántica, postula a existencia de espazos de dezaseis e máis dimensións. O que está claro é que os nosos sentidos non están deseñados para percibir espazos de máis de tres dimensións. Edwin A. Abbott, un mestre de escola que viviu a finais do século XIX, escribiu unha sorprendente novela de ficción que titulou Flatland (Mundo plan), na que imaxina un habitante dun mundo plan (de dúas dimensións) que viaxa a outros mundos de diferentes dimensións. En 2044 os personaxes móvese en tres realidades diferentes: a do mundo coñecido (que podemos chamar real), a xerada por simuladores (que identificamos coa realidade virtual) e outra realidade, que chamo imaxinaria, e que non ocupa espazo ningún porque pertence a un tempo que non é real, senón imaxinario.
Durante esta semana irá chegando ás librerías de todo o país a nova obra de Xerardo Quintiá e que leva por título ‘Hotel Cidade Sur‘. O autor de Friol volve á narrativa de adultos despois de publicar varias obras seguidas na nosa editorial para os chanzos dos lectores máis novos, entre o que salienta o exitoso e ben coñecido polos escolares galegos, ‘Ke-tumba Ke-Tamba‘.
En Hotel Cidade Sur, Quintiá ofrécenos oito historias situadas entre novos edificos e leiras semiabandonadas, nas marxes esquecidas dun mundo urbano que comeza a amosar os dentes da explotación. Historias da mocidade desnortada, do proletariado simbiótico que perde o seu sitio na aldea e tampouco non o encontra na cidade.
Un retorno esperado. Unha obra para reencontrarnos cun narrador xenuíno.
Consideracións persoais sobre Física teórica 1. O universo.
A Física teórica é a ciencia que estuda o mundo físico coñecido e as leis que o gobernan. Nos límites da Física teórica atopamos a Filosofía. Interpretar o mundo e pensar o mundo son dous xeitos de comprendelo. Por iso os conceptos e as definicións adquiren unha relevancia fundamental.
Por definición o universo é “un e non diverso”. É dicir, todo o que existe, sexa na forma que sexa, forma parte do universo. Partindo desta base, é un contrasentido falar de “multiversos”, no sentido de moitos universos. Nin sequera pode haber dous. O que hai é un e abrángueo todo. Non obstante, o universo si que o podemos dividir en dúas “partes”: o universo visible (que abrangue unha distancia de 13 mil millóns de anos luz aproximadamente, que é a que se estima como orixe do universo) e o universo invisible (que se atopa máis aló desa distancia, e do que nada sabemos). Cando un físico teórico afirma que o universo é finito, evidentemente está a falar do universo visible, pero non da totalidade do universo. Do mesmo xeito, cando afirman que o universo tivo a súa orixe hai 13 mil millóns de anos, máis ou menos, o que están a afirmar é que máis aló dese tempo nada sabemos e desa inferencia deducen que aí comezou todo. Pero as últimas teorías apuntan a que, en realidade, non houbo ningunha orixe. Os físicos teóricos levan décadas intentando atopar a Teoría do todo, que conxugue o que saben de relatividade co que saben de mecánica cuántica. De momento non o conseguiron. A min gústame crer que será unha muller a que nas próximas décadas atope a teoría que clarifique os problemas que até o de agora semellan irresolubles. Na ficción de 2044 esa muller chámase Helena Doval, e afirma que o universo nin tivo principio nin terá final. Dígoo, sobre todo, para que fiquen tranquilos os apocalípticos.
Avance das nosas novidades para o Día das Letras 2012
Como todos os anos, Editorial Galaxia vai facer un importante esforzo en publicacións relacionadas co persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas. Así, a obra e a vida de Valentín Paz-Andrade serán amplamente estudadas e espalladas a partir de tres libros que, aos poucos, van ir saíndo do prelo da nosa editora.
Por unha banda, o xornalista Xan Carballa prepara unha Antoloxía que, entre outras cousas, inclúe o texto íntegro do ‘Pranto Matricial’, de Paz-Andrade, o seu poemario máis coñecido.
Dende o punto de vista biográfico, o mesmo autor fará un achegamento, noutro volume ameno, rigoroso e ben documentado, que suliñará a importante presenza de Paz-Andrade nos feitos políticos e culturais esenciais do século XX en Galicia.
Finalmente, publicaremos o xa mítico ‘Castelao na luz e na sombra’ que entre 1980 e 1981 Paz-Andrade escribiu sobre a vida e obra de Castelao e que é froito dun intensísimo labor de investigación.
Unha boa oferta, como cada ano, para que entendamos e poidamos ler ao autor a quen este ano Galicia enteira rende homenaxe.
Podes descargar aquí, en formato PDF, o díptico promocional que preparamos para presentar estas tres publicacións.
Recortes en sanidade, no ensino, recortes e máis recortes. Falta diñeiro e hai que sacalo de onde sexa, aínda que todos saibamos que hai moitos sitios dos que podería saír con máis facilidade. Lía hai uns días que para o curso que ven a Consellería de Educación vai dotar aos centros con nove mil ordenadores máis, deses do Abalar, tan bonitos eles. Parece que a tecnoloxía é a resposta no ensino a todos os males, que con ela imos rematar definitivamente co tan temido fracaso escolar e todo vai ser unha marabilla. Pero eu penso que non é así, e iso non quere dicir que non me guste, que no centro no que traballo son coñecido como o “tecnoprofesor” polo moito que uso todos estes aparellos. O que ocorre é que non queremos darnos conta de que son un elemento máis, cando agora parece que son o único. Que tal e como está desenvolvido neste momento este programa os seus resultados, tendo en conta o que custa, non son proporcionados. Antes diso teríamos que pensar en formar máis e mellor ao profesorado, e non contar so coa súa boa vontade (que é moita). Pensar que ese diñeiro que se está a gastar estaría mellor investido noutras cousas máis necesarias e útiles. Preparar un material para usar na aula pode supoñer unha tarde, para unha actividade que logo os alumnos e alumnas van resolver en cinco minutos; paréceme algo desproporcionado.
É necesaria máis lectura, máis reflexión e máis razoamento, desenvolver máis o espírito crítico dos rapaces e rapazas, que aprendan a pensar e discernir o que lles parece ben ou mal, a tomar as súas decisións e formarse como persoas. Iso non se consegue poñéndolles un ordenador diante.