Portal dos lectores
Augusto García Fernández. Colaboración co Celta de Vigo. 14/09/2006 - 14:57
¿Estades seguros de onde vos estades a meter? Refírome a esa colaboración co Real Clube Celta de Vigo, ese periódico "A cor de Galicia" , ¿por que non Galiza?, no que saídes na prensa. Entendo a necesidade de avanzar na galeguización, no uso do idioma en todos os ámbitos da sociedade, non soio no mundo do ensino ou na representación lutúrxica que fan os políticos. Pero ¿estades seguros de que o Celta estará á altura do esforzo? ¿Será o clube realmente coherente con esa actitude de uso do idioma, fóra da megafonía do estadio? ¿Que pasa coas entradas, cos carteis de publicidade, coa rotulación do campo, coas actitudades da Fundación, coas declaracións dos xogadores, cos equipos de atletismo ou de futbol de base, coas peñas, etc? Oxalá puidésemos presumir de unha institución deportiva sen complexos. ¿canto durará esta pequena festa? ¿Que pasará cando empecemos a perder e o público se cabree, ademais de contra o adestrador e contra o club, contra a lingua? Aínda así, felicidades pola idea, veña de onde veña e se lle ocurrise a quen se lle ocurrise. Necesitamos ilusión e novas leiras onde traballar.
Saúdos.
Agusto García Fernández, de As Lagoas. Ourense.
Alberto Fernández. Exposición "A ollada do desexo". 04/09/2006 - 15:11
Queridos amigos:
Estiven na exposición "A ollada do desexo" que presentastes, da man da Conselleria de Cultura, en Allariz. Parabéns. Non coñecía o traballo de Carlos Lema sobre esta dimensión pouco coñecida de Eduardo Blanco Amor. O artista, cando é un artista, caracterízase pola súa capacidade para contemplar a vida e as cousas que ve ao seu arredor. As fotografías de Eduardo Blanco Amor, seguramente en condicións técnicas bastante precarias comparadas coas de hoxe, son un exemplo de talento e de capacidade de observación, en definitiva: unha lección de saber ollar, enxerbar, observar a realidade. Igual que se escribe se ve. Se non sabes ver dificilmente saberás expresar a realidade con palabras. É un diálogo moi interesante o que se establece entre as fotografías e a obra literaria de Blanco Amor, un dos escritores con máis talento que produciron as letras galegas e, sen embargo, bastante machacado en vida, incluso por algúns da "propia familia", xa nos entendemos. O que menos me gustou foi, curiosamente, o título: a "Ollada do desexo", ¿non o considerades demasiado comercial, demasiada concesión á dimensión erótico-emocional que Blanco Amor suxire? Non me parece xusto, como tampouco me pareceu ben a utilización que no seu momento se fixo, e en certo modo se sigue a facer, coa condición homosexual do autor de "A esmorga". Son cuestións menores, secundarias, que non só non afectan á obra e á creación senón que confunden, por moi ben intencionadas que parecan. O mesmo sucedeu, e aínda sucede con Lorca.
|