O Rexurdimento
Rosalía de Castro e Manuel Murguía
cos seus fillos O avogado pontevedrés Xoán Manuel Pintos publica en 1853 A gaita gallega, primeiro libro de certa entidade impreso integramente nesta lingua.
Dez anos despois, Rosalía de Castro, publica en Vigo Cantares gallegos, considerada a obra inaugural do Rexurdimento.
Xa nos primeiros anos do século a lingua aparecera, ocasionalmente, en textos de axitación política (Manuel Pardo de Andrade, Xosé Fernández de Neira). A primeira publicación de carácter periódico en galego é de 1860, O vello do Pico Sagro; de 1876 é O tío Marcos da Portela, quincenario, logo semanario, que dirixe en Ourense o xornalista e poeta Valentín Lamas Carvajal.
A primeira gramática é a de Juan Antonio Saco e Arce, publicada en 1868, e o primeiro dicionario, de Valladares Núñez (1884), autor tamén da primeira novela escrita enteiramente neste idioma e publicada por entregas nas páxinas de La Ilustración Gallega y Asturiana, que dirixía Manuel Murguía, en 1880. Curros Enríquez (Aires da miña terra, 1880) e Eduardo Pondal (Queixumes dos pinos, 1886) son figuras aurorais deste período decisivo.
O Rexurdimento foi algo máis ca un movemento literario, foi un movemento integral de reivindicación e cultivo da cultura galega, produto do romanticismo serodio, no que salientan, ademais de escritores, músicos: Xoán Montes, Pascual Veiga, Xosé Castro Chané..., pintores: Serafín Avendaño, Dionisio Fierros..., escultores: Isidoro Brocos..., pensadores: Alfredo Brañas... No mesmo contexto florecen os primeiros movementos políticos e asociativos do rexionalismo. Os máis significativos foron a Asociación Regionalista Gallega (1897) e Solidaridad Gallega (1907), relacionada coa estratexia política do catalanismo de Prat de la Riva e Francesc Cambó, que polas mesmas datas desenvolvía unha actuación semellante en Cataluña..
|
 |
 |
 |
|
 |