Editorial Galaxia
SUBSCRÍBETE | CONTACTO | MAPA WEB
BUSCAR: 
A Editorial
Autores
Catálogo
Novidades
Ensinantes
Ligazóns
Axenda







Merlin e familia



Galicia. Celula de universalidade



GALICIA, CÉLULA DE UNIVERSALIDADE
Europa e a xeración Nós



Cartel da exposición
 
Desde o día 9 de maio ata o vindeiro 15 de xullo poderá verse no Museo do Pobo Galego, en Santiago, a exposición Galicia, célula de universalidade. Europa e a Xeración Nós, que está comisariada por Marcos Valcárcel e Afonso Vázquez-Monxardín e producida por Merlín Comunicación-Editorial Galaxia.

A exposición, de carácter histórico mais tamén didáctico, enmárcase na batería de actos programados na Semana de Europa en Galicia 2007, a plataforma de celebración do Día de Europa, que este ano coincidiu co quincuaxésimo aniversario da sinatura dos tratados de Roma (1957), un dos fitos fundamentais na formación da Unión Europea.

Trátase dunha viaxe histórica polos sinais de identidade da cultura galega e as súas raiceiras europeas, cunha referencia especial ao discurso europeísta de intelectuais como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas, Villar Ponte, entre outros, percorrendo desde as Irmandades da Fala ata a postguerra.

A montaxe ocupa 504 m2 das salas de exposición temporais do primeiro andar do museo e divídese en tres seccións expositivas: "As raíces europeas de Galicia", "A xeración Nós e Europa" e mais "Galicia na nova Europa". Previamente ao acceso a estas seccións, o visitante pode deterse no espazo audiovisual e alí, asistir á proxección dun documental introdutorio sobre o tema da exposición e outro sobre a formación da Unión Europea, que se suceden en bucle, durante o horario de apertura ao público.

A exposición está realizada a base de paneis ríxidos en paredes e lonas plásticas sobre estruturas de aluminio, cunha distribución central das vitrinas, para permitir unha maior capacidade de público e facilitar a súa movilidade polo itinerario proposto, nada ríxido, xa que é posible o tránsito en calquera dos sentidos, dentro e fóra de cada unha das seccións.

Na primeira sección, "As raíces europeas de Galicia", o visitante terá unha visión breve e pautada, pero ben documentada, do devir de Galicia dende o mundo dos castros ata a época da Ilustración, pasando polos trovadores do medievo e a participación da nobleza galega no imperio español. Complétase a sección cunha mostra de pezas arqueolóxicas e etnográficas en vitrina, así como con maquetas pertencentes aos fondos do Museo do Pobo Galego.

A segunda sección, "A xeración Nós e Europa", cerne da exposición, pasa revista á visión universalista do nacionalismo galego, desde as Irmandades da Fala á xeracións Nós e os seus sucesores. Fálase aquí das viaxes europeas de Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo, da presenza de Galicia no IX Congreso das Nacionalidades Europeas de 1933 e tamén das emisión en galego da BBC de Londres, iniciadas por Plácido en 1947. Dúas vitrinas recollen unha escolma de libros e documentos históricos da época prestados polas Fundacións Penzol e Vicente Risco; Editorial Galaxia e arquivos de particulares.

Na terceira e última sección, "Galicia na nova Europa", explícase a viaxe da Europa da posguerra cara a Unión Europa de hoxe. Aquí pode comprobarse a visión europeísta de Castelao e do nacionalismo galego fronte aos tempos que se abrían despois da última desfeita bélica, que todos quixeron derradeira. Salienta o artigo de Castelao "Perante a Unión Europea", publicado en A Nosa Terra en 1948, coincidente coa declaración de Robert Schuman de 1950 e premonitorio en moitos aspectos. A sección trata, tamén, da presenza de Galicia nas institucións europeas, recolle unha breve semblanza biográfica dos máis senlleiros fundadores da UE e proxecta, en bucle, una audiovisual cedido pola TVG sobre Galicia na Unión.

Como complemento da exposición Galicia, célula de universalidade e colofón da Semana de Europa en Galicia 2007, celebrouse o día 11 de maio na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, un acto institucional europeísta en conmemoración do Día de Europa e homenaxe aos integrantes da xeración Nós.
Este acto solemne, organizado pola Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia e a Fundación Otero Perayo, foi presidido por D. Emilio Pérez Touriño, Presidente da Xunta. Contou, ademáis, coa intervención de D. Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega e a presenza de D. Xosé Ramón Barreiro Fernández, Presidente da Real Academia Galega e Presidente de Honra da Fundación Otero Pedrayo.

En Trasalba, o presidente Touriño descubriu unha placa de bronce, obra do escultor Buciños, no que se recorda a significación europeísta da xeración Nós. Ao remate, Susana Seivane interpretou á gaita o himno de Europa e, acto seguido, cantou o himno galego cun fermoso acompañamento de bouzouki.

Nesta páxina ofrécense ligazóns a diversos documentos complementarios da exposición Galicia, célula da universalidade e tamén ás distintas intervencións do acto de Trasalba e mais á interpretación de Susana Seivane.
GALICIA, CÉLULA DE UNIVERSALIDADE
Europa e a xeración Nós
Galería de imaxes
Galería de fotos
Ligazóns relacionadas
Paneis da exposición, en formato PDF (en culturagalega.org)
Video de himno Europeo por Susana Seivane
Video himno galego por Susana Seivane
"Perante a Unión Europea" de Alfonso R. Castelao (1948)
"Declaración Schuman" de Robert Schuman (9 de maio de 1950)
"Declaración de Berlín", (25 de marzo de 2007)

EDITORIAL GALAXIA, 2006. Aviso legal