Cunqueiro (1911-1926)
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo o día 22 de decembro de 1911, na casa familiar, que ten vistas á Fonte Vella. Era o segundo fillo de don Xoaquín Cunqueiro Montenegro, farmacéutico cunha oficina aberta nos baixos do Pazo do bispo, e de dona Pepita Mora Moirón, de familia mindoniense con berce na terra de Miranda.
Entre novelas de aventuras e redacións ocasionais foi pasando Álvaro de neno a rapaz; brincando cos amigos polos valados, entrando e saíndo da rebotica, rexoubando nas festas da vila e dos lugares: das San Lucas ao San Martiño. En 1921, cando cumpliu os dez anos, trasladouse a Lugo para iniciar o bacharelato no colexio dos irmáns Maristas, que rematou no Instituto Xeral e Técnico. Foi aquí, no Instituto, diante dun exemplar do Mapa de Galicia de Domingo Fontán, onde o mozo Álvaro percibiu a emoción da Terra, a apreta telúrica do país:
Alí estaba a miña terra, a terra da miña vocación e dos meus días, a terra temporal e eterna, a terra que a miña lingua, a lingua do meu escuro acento labrego necesitaba para existir.
|