A xoia máis requintada da exposición foi, sen dúbida, o fragmento da
Suite de Merlín, pergamiño do século XIV, bautizado por nós como
manuscrito Soberanas en xusta honra ao seu descubridor e que por primeira vez foi mostrado en público grazas á cortesía da Biblioteca Nacional de Cataluña, onde se custodia. Esta peza, catalogada como Ms. 2434, está composta por tres folios de 29,5 x 14,0 cm, escritos polas dúas caras e a dúas columnas, en letra gótica cursiva formada, o que remite á primeira metade do século XIV.
Os folios servían de reforzo de lombo do
Chronicon de Antonino Pierozzi (Basilea, Nicolas Kesler, 1491), e foron achados por Amadeu J. Soberanas i Lleó mentres traballaba neste incunable na Biblioteca de Cataluña. En 1979 o profesor Soberanas publicou no número 38 da revista
Vox Romanica un detallado estudo no que demostraba que a peza, escrita en galego-portugués, recollía dous episodios da
Suite du Merlin, pertencentes ao ciclo da
Post-Vulgata, orixinal do século XIII.
O texto recolle un anaco da historia do príncipe Anastén (folio 1, recto e verso) enfrontado ao pai por asuntos amosoros, e case completo o episodio da Pena das Doncelas (folios 2 e 3), coas doce irmáns que Merlín puxese alí por encantamento. A súa importancia reside en que a mais de ser a tradución máis antiga que se coñece dun texto artúrico ao galego-portugués, é a única parte do
Roman du Graal ou
Post-Vulgata da que se descoñecía que fose traducida á lingua do occidente peninsular. A situación do corpus artúrico en galego-portugués queda, despois disto, como segue:
- Livro de José de Arimateia: copia feita a principios do século XVI sobre un manuscrito do século XIV, hoxe perdido. Arquivo da Torre do Tombo de Lisboa.
- Demanda do Santo Graal: manuscrito do século XV conservado na Biblioteca Nacional Austríaca de Viena.
- Livro de Tristán: fragmento dun manuscrito do terzo derradeiro do século XIV, no Arquivo Histórico Nacional de Madrid.
- Suite du Merlin: fragmento dun manuscrito da primeira metade do século XIV. Biblioteca Nacional de Cataluña.
Se queres descargar o texto do
manuscrito Soberanas, preme na versión desexada:
Os textos descargables respectan a disposición do orixinal, liña a liña.
f. 1r. a.

f 1v. b.

f. 2r. a,b.

f. 2v. c,d.

f. 3r. e,f.

f. 3v g,h.

Vitrina co Manuscrito.