Editorial Galaxia
SUBSCRÍBETE | CONTACTO | MAPA WEB
BUSCAR: 
A Editorial
Autores
Catálogo
Novidades
Ensinantes
Ligazóns
Axenda




Audiocontos



Galicia. Celula de universalidade

Peza clave da historia de Galiza     Consello de Administración     Equipo editorial     Galaxia en cifras    
Ramón Piñeiro

1950-1990


Ramón Piñeiro, primeiro director
literario de Galaxia
 
Foi o primeiro director literario de Galaxia, o seu grande animador intelectual e, sen dúbida, unha das figuras máis sobranceiras da Galicia do século XX. Formado nas Mocidades Galeguistas da Segunda República, axiña se converteu na referencia do galeguismo e da resistencia cultural que, dende o interior, tentaba desenvolver unha estratexia posible nas circunstancias difíciles da posguerra e do franquismo.

Da súa man, a Editorial Galaxia converteuse de feito en plataforma de anovación e defensa da identidade galega, concitando vontades, activando proxectos, conectando as xeracións novas coa tradición dos máis vellos. «Sementar nas novas xeracións a idea e os valores de Galicia, que se estaban perdendo». Tal era a súa visión do proxecto de Galaxia.

A súa obra literaria céntrase preferentemente en cuestións de carácter filosófico e lingüístico: Significado metafísico da saudade (1951), A linguaxe e as linguas (1967), Olladas no futuro (1974)..., mais a súa actuación didáctica, de información e animación, dirixida principalmente ás xeracións máis novas foi decisiva para a reconstrución cultural e mesmo política da Galicia da transición ás liberdades democráticas e á autonomía.

Xunto con Domingo García-Sabell, Rof Carballo, Ricardo Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega e os seus compañeiros de tarefas editoriais, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego, configuran un núcleo de pensamento que na historia da literatura galega contemporánea se coñece como o grupo Galaxia, célula activa de creación intelectual, na procura dun discurso moderno e universalista. O seu pasamento, en Compostela (agosto de 1990), constituíu unha manifestación emocionada e plural de afecto, admiración e recoñecemento.

No ano 2009 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
As orixes
Primeiras edicións e nacemento de Grial
A creación da Fundación Penzol
Ramón Piñeiro
A modernización de Galaxia
A Galaxia do novo milenio

EDITORIAL GALAXIA, 2006. Aviso legal