Asemblea fundacional de Galaxia. Santiago de Compostela, 1950
O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936). Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galega, nos tempos difíciles da ditadura.
Pasado máis de medio século, a Editorial Galaxia, con case 2.000 volumes editados e un catálogo vivo de arredor de un milleiro de títulos, constitúe hoxe a referencia histórica da edición en lingua galega. No seu catálogo figuran os autores e autoras máis significativos das letras galegas: Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Alfonso R. Castelao, Vicente Risco, Ánxel Fole, Florentino López Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro… Autores clásicos e autores modernos, pertencentes ás sucesivas xeracións que se incorporaron ao cultivo do idioma durante estas décadas: Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Rafael Dieste, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell, Marino Dónega, Ricardo Carballo Calero, Xosé Neira Vilas, Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán, Xohana Torres, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras, Xesús Alonso Montero, Marina Mayoral, Andrés Torres Queiruga… A carón deles, os máis novos: Manuel Rivas, Alfredo Conde, Paco Martín, Xavier Alcalá, Anxo A. Rei Ballesteros, Bieito Iglesias, María Vitoria Moreno, Antón Riveiro Coello, Miguel Anxo Murado, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Xerardo Quintiá, Xabier López López, Xosé Carlos Caneiro, Alfonso Pexegueiro, Alberto Avendaño, Vitor Vaqueiro, María do Cebreiro, Anxos Sumai, Inma López Silva, Yolanda Castaño...
Entre os anos 1939 e 1950 apenas se publican libros en Galicia, moito menos en idioma galego. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvólvese neste período principalmente en América (México, Uruguai, Arxentina), arredor de figuras como Castelao, Manuel Puente, Arturo Cuadrado ou Luís Seoane, auténticos motores da produción editorial no exilio. En 1949 publícase en Pontevedra a colección de poesía Benito Soto, promovida por Sabino Torres, Cuña Novás, Álvarez Negreira e Celso Emilio Ferreiro. Polas mesmas datas saen os primeiros títulos de Bibliófilos Gallegos, e mais a Editorial Monterrey, da man de Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, orientada maiormente cara á edición de bibliofilia. O proxecto Galaxia consolidarase, entre todas elas, coma o máis estable e o de máis continuidade, referencia obrigada do rexurdimento da actividade intelectual na Galicia interior.