Os ollos de K
Riveiro Coello, Antón
O escritor Suso Paradela convértese involuntariamente no protagonista dunha novela que escapa ao seu control.
A presenza dun home que agarda sentado nun banco sostendo na man un tarro cun ollo é o detonante que fai estourar os límites entre realidade e ficción. Os ollos de K non é tanto a escrita dunha aventura como a propia aventura da escrita. Un texto que vira sobre si e descobre os fíos labirínticos dunha trama entretida e intrigante, na que Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) ispe o feito literario e deixa á vista dos lectores o material artístico e a función creadora.
Titulares de prensa
OS OLLOS DE K
Dicía Agustín Fernández Paz na charla sobre o seu libro premiado co Frei Martiño Sarmiento que o escritor é un depredador da realidade. Insistía nesta reflexión no seu blog Francisco Castro como modus operandi dos que se dedican a escribir historias inspiradas en detalles do cotián. Posiblemente estas manifestacións a moitos lles poidan parecer mesmo obviedades, mais afondar na cuestión pode dar conclusións inesperadas, sorprendentes. Léndomos a última novela de Riveiro Coello poderemos entender moito mellor a importancia do depredador, entenderemos mellor tamén a incidencia na vida dese "depredador" e, como lectores, poderemos chegar a entender algunhas das realidades creativas destes homes e mulleres que se dedican á literatura.
En Os ollos de K o máis interesante é a reflexión a que nos leva o personaxe principal, escritor de certo nome que combina as súas novelas coa aparición diaria dun artigo nun xornal. Exceptuando o éxito que ten en forma pecuniaria coas súas novelas, o personaxe esta construído seguindo moitas das características do escritor galego. As súas preocupacións, vaidades, miserias e virtudes son propias da realidade de calquera escritor. Riveiro Coello constrúe un personaxe arquetípico esencialmente impecable e, a partir del, todo o xogo que virá polas súas andanzas ao longo da trama(s) policiaca da obra.
O noso personaxe leva a actividade "depredadora" ata límites insospeitados e non o dicímos por ter contratado a dous homes para presentárenlle posibles historias para levalas ao papel, senón por como se desenvolve toda a acción. A raíz da aparición dun home cun ollo humano dentro dun frasco, os acontecementos reais e os artigos xornalísticos do tal escritor acollen un paralelismo e unha relación causa-efecto preocupante. Mesmo chega a pensar que os acontecementos posteriores de asainatos e demais indicios que se van presentando ao longo da acción teñen que ver coa súa actividade literaria. É máis decide escribir unha novela baseándose en todo o que lles está sucedendo.
Esta decisión é o que leva ao personaxe a levar a imaxinación e a realidade a campos pouco claros con paralelismos e desviacións dos mesmos que rozan a esquizofrenia creativa, pois o noso narrador chega a pensar que as respostas á realidade está na súa propia ficción.
E aquí están os límites aos que nos referíamos. Como o propio título deixa caer, límites que van ao kafkiano de xeito consciente, pero sen ningún tipo de reacción pola súa parte. O autor vencido pola súa propia fantasía que, en certa medida é a realidade que lle toca vivir, polo que se fai máis perigosa a situación.
Riveiro Coello reflexiona e presenta moitas inquedanzas creadoras. Mais non é un texto metapoético que non teña máis interese que o que o propio autor lle queira dar para si; faino atendendo a unha tensión narrativa que mantén ao lector enganchado, lendo devezoso.
Xa teño lido moitas obras de Riveiro Coello. Conclúo que artellando unha novela e dominando os ritmos, as engranaxes da mesma, hai poucos coma el. Sen desmerecer a ninguén, Riveiro Coello pasa por ser un dos nosos mellores novelistas. Dá igual o que nos conte. Ten o don de atrapar coas súas novelas, sólidas, ben feitas e, parécenos, moi, moi traballadas. Non se malinterpreten as miñas palabras. Non pretendo caer en grandilocuencias pretenciosas que fagan pensar ao lector que estamos ante unha obra mestra ou algo polo estilo. Unha moi boa novela, unha boa xeira literaria como a de Riveiro Coello non precisa de esaxeracións superfluas. Aquí o que hai é oficio, sensibilidade e sabedoría literaria.
Héitor Mera
Cartafol de libros.
Xaneiro 2008
|
|
|
 |

| Editorial: Galaxia |
 |
Colección: Literaria
|
 |
| 284 páx. |
 |
| Rústica con lapelas |
 |
| PVP: 16.40 € |
 |
| ISBN: 978-84-9865-008-2 |
 |
| Data publicación: outubro 2007 |
 |
| 1ª Edición |
 |
|
|
 |
Outros libros de Literaria
- Seguinte: A muller de ferro
Outros libros de Riveiro Coello, Antón
- Anterior: As rulas de Bakunin
Recomendacho ...
- Xosé Monteagudo
Eventos relacionados:
23/11/2007 20:30 Presentación de "Os ollos de K", de Antón Riveiro Coello Venres 23 de novembro, ás 20.30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Noia.
19/12/2007 20:00 Encontro cos lectores de Antón Riveiro Coello Na Biblioteca Nodal de Ourense, o mércores 19 de decembro, ás 20.00 horas.
26/03/2008 20:30 Literactúa con Antón Riveiro Coello O mércores 26 de marzo, ás 20.30 horas, no Café O'Patacón de Carballo.
09/08/2008 19:00 Sinatura de Riveiro Coello Na Feira do Libro da Coruña, o sábado 9 de agosto, ás 19.00 horas.
 |
 |