Críticas
OS OLLOS DE K Dicía Agustín Fernández Paz na charla sobre o seu libro premiado co Frei Martiño Sarmiento que o escritor é un depredador da realidade. Insistía nesta reflexión no seu blog Francisco Castro como modus operandi dos que se dedican a escribir historias inspiradas en detalles do cotián. Posiblemente estas manifestacións a moitos lles poidan parecer mesmo obviedades, mais afondar na cuestión pode dar conclusións inesperadas, sorprendentes. Léndomos a última novela de Riveiro Coello poderemos entender moito mellor a importancia do depredador, entenderemos mellor tamén a incidencia na vida dese "depredador" e, como lectores, poderemos chegar a entender algunhas das realidades creativas destes homes e mulleres que se dedican á literatura.
En Os ollos de K o máis interesante é a reflexión a que nos leva o personaxe principal, escritor de certo nome que combina as súas novelas coa aparición diaria dun artigo nun xornal. Exceptuando o éxito que ten en forma pecuniaria coas súas novelas, o personaxe esta construído seguindo moitas das características do escritor galego. As súas preocupacións, vaidades, miserias e virtudes son propias da realidade de calquera escritor. Riveiro Coello constrúe un personaxe arquetípico esencialmente impecable e, a partir del, todo o xogo que virá polas súas andanzas ao longo da trama(s) policiaca da obra.
O noso personaxe leva a actividade "depredadora" ata límites insospeitados e non o dicímos por ter contratado a dous homes para presentárenlle posibles historias para levalas ao papel, senón por como se desenvolve toda a acción. A raíz da aparición dun home cun ollo humano dentro dun frasco, os acontecementos reais e os artigos xornalísticos do tal escritor acollen un paralelismo e unha relación causa-efecto preocupante. Mesmo chega a pensar que os acontecementos posteriores de asainatos e demais indicios que se van presentando ao longo da acción teñen que ver coa súa actividade literaria. É máis decide escribir unha novela baseándose en todo o que lles está sucedendo.
Esta decisión é o que leva ao personaxe a levar a imaxinación e a realidade a campos pouco claros con paralelismos e desviacións dos mesmos que rozan a esquizofrenia creativa, pois o noso narrador chega a pensar que as respostas á realidade está na súa propia ficción.
E aquí están os límites aos que nos referíamos. Como o propio título deixa caer, límites que van ao kafkiano de xeito consciente, pero sen ningún tipo de reacción pola súa parte. O autor vencido pola súa propia fantasía que, en certa medida é a realidade que lle toca vivir, polo que se fai máis perigosa a situación.
Riveiro Coello reflexiona e presenta moitas inquedanzas creadoras. Mais non é un texto metapoético que non teña máis interese que o que o propio autor lle queira dar para si; faino atendendo a unha tensión narrativa que mantén ao lector enganchado, lendo devezoso.
Xa teño lido moitas obras de Riveiro Coello. Conclúo que artellando unha novela e dominando os ritmos, as engranaxes da mesma, hai poucos coma el. Sen desmerecer a ninguén, Riveiro Coello pasa por ser un dos nosos mellores novelistas. Dá igual o que nos conte. Ten o don de atrapar coas súas novelas, sólidas, ben feitas e, parécenos, moi, moi traballadas. Non se malinterpreten as miñas palabras. Non pretendo caer en grandilocuencias pretenciosas que fagan pensar ao lector que estamos ante unha obra mestra ou algo polo estilo. Unha moi boa novela, unha boa xeira literaria como a de Riveiro Coello non precisa de esaxeracións superfluas. Aquí o que hai é oficio, sensibilidade e sabedoría literaria.
Héitor Mera
Cartafol de libros.
Xaneiro 2008
Autores relacionados:
Riveiro Coello, Antón
Libros relacionados:
Os ollos de K
|
MADE IN GALIZA Non sei se este Made in Galiza (Editorial Galaxia, Vigo 2007, de Séchu Sende) vai ser o libro do ano. Se lles digo a verdade, a miña, non teño outra, tampouco me importaría que o fose.Porque é cousa moi seria, moi ben escrita (cunha economía expresiva que manda nabo), reflexiva, con misturas de ensaio e ficción, que se pode ler aos poucos (tamén pouco a pouco) e aos moitos (a grandes grolos, igualmente), que divirte e conmove, que fai pensar, que -mágoa- un lamenta que remate, porque como cantaban Los Módulos, "todo tiene su fin".
E podería seguir argumentando a prol dun libro do que botei man por razóns profesionais mais que axiña pasou ser unha desas lecturas voluntarias ou ventureiras, como os gatos dos que falaba antes e que axiña mudan nos meus "Pet Sounds". Ou sons favoritos, o que pasa é que "pet" vale en inglés tamén para mascota ou animal de compaña. Cuspidiño ao que me acontece cos libros que escollo para que veñan comigo ao corazón do verán.
Outros son eles os que me escollen, así Made in Galiza de Sende; fórmula maxistral, como esa prescripción farmacéutica que no seu libro aparece máis con aplicación idiomática, lóxica nun volume no que o idioma é cerne, protagonista, razón e causa (a parte de que haxa algunha outra historia máis leviá).
E o libro de Sende, co seu aquel de Jonathan Swift, polo irónico, mais tamén polo que o padronés ten de "pamphleteer" que non de panfletario, vai servir para empurrar do galego, ese idioma, xa saben, que anda a asoballar ao español por terra, mar e aire. Ao español e, isto aínda é máis grave, ao inglés porque - como non ignoran- a aprendizaxe da nosa lingua atranca o "learning" do idioma anglicano. Xa verán cando o saiban nos EE.UU.; vannos deixar sen queixo marelo ou leite en pó, aquilo que se tomaba nas escolas do país cando o galego estaba proscrito. Agora que anda coller un pouco de aire non mareen, hom.
Por iso, agora sen retranca, e antes de que tamén teñamos que dicir en cuestións de idioma, "Agora xa foi, Marica non chores", quero recomendar este libro de Séchu Sende. Unha das mellores cousas do que vai de ano; aire fresquiño nun debate actual.
Vicente Araguas
Domingo 26 de agosto de 2007
El Correo Gallego
Autores relacionados:
Sende, Séchu
Libros relacionados:
Made in Galiza
|
MARÍA DAS BATALLAS A Coruña como esceario e María Pita como protagonista. Con tales ingredentes o resultado era previsible: Alfredo Conde ofrécenos unha das súas mellores novelas. Un narrador consagrado que en palabras de Víctor Freixanes, "segue a medrar". María Pita é un personaxe simbólico, cunha gran potencialidade en si mesma, sen embargo Conde non segue a dimensión romántica máis celebrada e, por tanto, esperable. Desce a detalles máis pragmáticos: refire os numerosísimos pleitos que sostivo ao longo da súa vida e os intereses non sempre heroicos que a animaban, como a pretensión de ser alférez ou a de lograr de El Rei a franquicia para comerciar co vinho de Porto, cousas que non lle foron concedidas. Aínda que a figura da heroína concentre o nó da novela, Alfredo Conde non se limita a María Pita e ao seu contorno senón recupera o tempo e a época histórica con toda a complexidade de acontecementos, intrigas e situacións, con relevancia especial da Pescadería, onde se desenvolven os feitos.
A habelencia narrativa de Conde déixase ver no orixinal prantexamento, na estructura da novela, na pluralidade de rexistros estilísticos e na atinada documentación que sendo fiel e obxectiva non resulta exhaustiva nin abufante. Estamos ante unha obra de ficción, non ante un ensaio. En ocasiones é dificil substraerse á tentación de utilizar aqueles datos dos que se dispoñen e que foron recabados mediante unha ardua laboura de investigación. Pero así é a arte da escrita, na que non hai números neutros: o que non suma, resta. "Arte de non escribir o que sobre...", como ben recordou o catedrático Paz Gago ao analizar polo miúdo da obra.
María das Batallas é unha novela histórica, unha aportación máis a un xénero de actualidade que ten ofrecido espléndidos resultados no caso, por exemplo, de Eco ou de Yourcenar. Mais é tamén unha novela de intriga. O autor consegue ternos presos do desenlace desa manobra na que un exército de vinte mil homes se prepara para a invasión da cidade. Encetan a xeira con éxito notorio, xa que no primeiro día matan medio milleiro de coruñeses. Á vista disto, os sitiados acordan refuxiarse na cidade alta para acorazarse e resistir. Cando os ingleses, convencidos da súa superioridade, tratan de vencer as últimas resistencias procedendo ao asalto final, xorde a figura de María Pita nun coñecido lance, que ten tanto de xenreira e de desesperación como de heroismo.
A nivel estilístico atopámonos con tres narradores, que nos permiten coñecer desde "dentro" os sucesos, o criterio e as versións dos protagonistas do drama. Dunha banda está a filla de María Pita, doutra o curmán de Francis Drake, aos que cómpre engadir o narrador omnisciente, o capitán Varela. O espírito do relato trata de ser fiel á realidade histórica e á persoalidade de María Pita. Outramente, Conde eleva á categoría de protagonista á propia cidade, en concreto á Pescadería, lugar de confluencia que representa a puxanza económica; a forza mariñeira e popular da cidade baixa.
María das Batallas destaca tamén pola viveza dos persoaxes, cunha gran dose de realismo e credibilidade. Relevancia especial teñen as mulleres. Mulleres recoñecidas e admiradas, como María Pita, e mulleres humildes, anónimas, que contribuíron co seu esforzo non menos heroico ao progreso e á liberdade.
Xulio Varcárcel
Domingo 9 de setembro de 2007
El Ideal Gallego
Autores relacionados:
Conde, Alfredo
Libros relacionados:
María das Batallas
|
TRINTA E DOUS DENTES Unha novela de case trescentas páxinas corre o risco nestes tempos de converterse, como se di popularmente, nun ladrillo. En cambio, o lector que se achegue a Trinta e dous dentes, de Xabier López López (Bergondo, 1974), non deixará o libro ata o final, porque o autor consegue artillar unha historia con gancho e intriga.
O protagonista, Paulo Barreiro, é un director teatral divorciado que unha noite metese na cama e "unha fría e luminosa mañá de outono", sen unha razón comprensible, esperta co tamaño dun neno de once ou doce anos, pero cos 32 dentes dun adulto na súa boca. De aí en diante, Xabier López, finalista do Premio Torrente Ballester (2006), relátanos as aventuras dun rapaz que pensa e fala como o home groso e trouleiro que foi.
Polas páxinas transitan seres fracasados, marxinais, febles resentidos, burócratas indiferentes, triunfadores e ambiciosos. Pero tamén avariciosos, ruíns e moralistas. Todos representantes de distintos estratos dunha sociedade na que aínda predomina a figura do encerro (hospicio da Xunta, internado do colexio e casa luxosa, pero afastada da cidade) fronte ao concepto de control, máis propio dunha sociedade dixital.
Tres referencias principais da literatura mundial resoan no trasfondo desta historia: Gregor Samsa, protagonista da Metamorfosis, de Kafka; El increíble hombre menguante, de Jack Arnold, ou Gulliver (J.Swift). Pero o autor tamén rende homenaxe a outros moitos escritores clásicos, modernos e contemporáneos.
Aínda que talvez é un pouco reiterativo nas descricións dos personaxes e das situacións, e incluso se recrea excesivamente nas escenas da relación erótico-sadomasoquista que manteñen os pais putativos do protagonista, na que tamén se acaba metendo, aínda que dun xeito clandestino, Xabier López debuxa un pequeno retablo no que se mesturan a sátira humorística e corrosiva cunha reflexión sobre a nosa sociedade. Con todo, unha pregunta: ¿non son demasiados dentes para tan pouca codia?
Gonzalo Trasbach
Sábado 28 de xullo de 2007
La Voz de Galicia. Culturas
Autores relacionados:
López López, Xabier
Libros relacionados:
Trinta e dous dentes
|
VIAXES NO SCRIPTORIUM Nunha entrevista concedida ao diario El País o pasado tres de marzo, Paul Auster dicíalle ao seu entrevistador que a súa imaxinación daba síntomas de esgotamento e que ao mellor chegara ao final da súa traxectoria como novelista. Estas declaracións encaixan de xeito perturbador coa súa última -derradeira?- obra, na que un escritor chamado Blank -que remite a aqueles Black e White d'A triloxía de Nova York, pero tamén a ese quedarse en branco do que fala o autor- que, privado de calquera clase de recordos e memoria aparece nunha habitación que pode atoparse nun hospital, nunha cárcere ou nunha estraña dependencia gobernamental. Cada un dos seus xestos é gravado por unha cámara e un micrófono. Sobre unha mesa, un bo montón de fotografías e un feixe de follas que recollen o comezo dunha novela dun tal John Trause -anagrama do propio Auster n'A noite do oráculo- que está sen rematar e que parecen conter algunha clase de clave sobre o que está a pasarlle ao propio protagonista. Nesta formulación argumental obsérvase a alongada sombra dunha das influenzas maiores do escritor: Kafka.
Parecera como si o absurdo tomara o lugar predominante que tiña o azar nos seus libros anteriores, despregando unha lóxica propia tinguida de matices escuros na que abundan os detalles escatolóxicos e escabrosos relacionados coa decadencia física. O mesmo espazo opresivo e aparentemente fóra de tempo e de calquera referencia xeográfica remítenos á outra gran influencia austeriana: Beckett. O home protagonista descoñéceo todo sobre si mesmo. Está esperando algo que non termina de chegar. É como si el mesmo estivera constituído sobre unha fenda, sobre un baleiro imposible de descifrar. O tempo atópase como suspendido. A medida que o protagonista se mergulla en reflexións sobre quen é e que fai pechado na habitación/cela, van pasando por esta personaxes que o lector recoñece como protagonistas de libros anteriores de Auster: Anna Blume d`O país das últimas cousas -a novela de Trause desenvólvese nun austeriano/mathewbarrieano "país de nunca xamáis"-, os Fanshawe, Stillman, Quinn e Sophie d' A triloxía de Nova lorque, o Marco Stanley Fogg d'O pazo da lúa, o David Zimmer d`O libro das ilusións e unha longa lista de homes e mulleres de interminables resonancias literarias como Montag ou Joubert. Todos eles cumpren unha función estraña: van axudando a Blank a reconstruír a súa identidade, nun reviradísimo xogo metaficcional no que os personaxes parecen ser os que definen o estatus do autor.
O dominio absoluto da autoreferencialidade desconcerta ao lector. Un non sabe se pensar si está ante un sofisticadísimo artefacto literario que investiga con resultados desiguais as relacións interminables entre autor-persoaxes-lector a partir dunha anécdota argumental inzada de simbolísmos, ou se está a presenciar un descarado exercicio de narcisismo no cal o escritor faise unha especie de autohomenaxe a modo de despedida e peche.
Eloy García
Verán 2007
Protexta. Propostas
Autores relacionados:
Auster, Paul
Libros relacionados:
Viaxes no scriptorium
|
O SOÑO DA FEBRE Adicar un libro de relatos a un tema concreto é unha tarefa arriscada. Hai que ser moi habilidoso e ter un considerable dominio do oficio para saír airoso de semellante reto. Miguel Anxo Murado neste O soño da febre aposta por construír dez relatos de ton fantástico en torno a ese fenómeno fisiolóxico con resonancias espirituais.
A estrutura do libro, póren, non consiste sen máis nunha simple acumulación de contos. Por riba deles, como facendo de tendal do que van prendendo os relatos, aparecen unha serie de reflexións breves nas que o narrador entrelaza episodios familiares con excursos sobre a vinculación da febre coa xeografía, a literatura, a música, ou co mesmo devir da Historia. Esta hibridación entre narración fantástica e testemuño persoal/autobiográfico por parte do autor non acada, con todo, as metas ás que parece aspirar o libro no seu conxunto. Estrañamente, esa voz en primeira persoa que aparece entre relato e relato resulta máis interesante e atractiva que moitas das historias ás que precede. É como se o autor se sentise máis cómodo no territorio da digresión persoal mesturando recordos verdadeiros ou inventados con citas eruditas que axustándose aos códigos do relato fantástico no que fai dez incursións cun resultado marcadamente irregular.
O delirio febril -máis ca febre en si- é unha especie de chave que serve para abrir unha fenda no real e trasladar os protagonistas dos dez contos a outro lugar e mesmo a outro tempo, onde os vivos pasean entre os mortos e os mortos fan acto de presenza entre os vivos. As fronteiras entre os mundos de ambos dilúense, tómanse porosas, e o período en que goberna a febre convértese en ponte inestábel pola que camiñar do mundo duns ao mundo dos outros, nunha especie de paréntese na vida dos protagonistas, postas en xogo ao completo.
Os escenarios dos relatos son clásicos dos contos de pantasmas. Hai aldeas illadas por causa da neve, calellas escuras e personaxes inquedantes vagando por elas, animais extraordinarios que cargan cos desexos de vinganza dos amos falecidos, rapaces que non cumpren coas obrigas e cren que as portas do inferno están abertas de par en par para eles... pero tamén se introducen paisaxes pouco comúns nestas narracións: os territorios da Palestina ocupados polos israelís, unha plantación colonial de vainillas no medio do Camerún ou o piso dunha familia xudía londinense. O conxunto, como xa dixemos, é altamente irregular.
Algúns dos contos parecen resolverse demasiado ás présas, sen captar a atención do lector por unha insuficiencia "atmosférica": no relato fantástico, o ambiente que se está a crear é, como mínimo, a metade da historia, e en varias ocasións como en "Jan Van Riis" ou "A folla e o paxaro", todo se fía ao impacto do desenlace, malogrando unhas historias que poderían dar máis de si. O emprego, en varias ocasións, do recurso de non saber ata o final se o protagonista ou protagonistas están vivos ou mortos tamén falla en varias das historias onde se emprega: nelas dende o principio, a ambiguedade que debe impregnar todo o relato ata a relosución final non está ben construída, é demasiado naive, deixa ver de lonxe o que vai ocorrer. Póren, cando o autor decide estirar lixeiramente a duración dos seus contos e adicar algunhas páxinas máis á creación de atmosferas elaboradas (O soño da neve, ou O diaño do outono, con moito o mellor dos contos), os relatos gañan en intensidade, e o seu tempo narrativo, pausado, calmo, no que se escalonan con coidado os acontecementos, seduce o lector, introdúceo lentamente na historia que está a narrar e lévao con intensidade ata uns finais ben trabados e en consoancia coa lóxica interna do relatado.
O esforzo de Murado é notable e di moito das súas pretensións como escritor, maáis o resultado final queda algo afastado das súas intencións iniciais, e quedan finalmente como máis destacados na memoria do lector os dous contos máis extensos e as breves -e brillantes- digresións que van entre medias dos relatos.
Eloy García
Protexta
Verán 2007
Autores relacionados:
Murado, Miguel Anxo
Libros relacionados:
O soño da febre
|
PUNVER Meses antes de recibir o 15º Premio Espiral Maior co poemario Profundidade de campo, a poeta multimedia Yolanda Castaño acadou os primeiros postos do ránking de vendas en galego cunha historia en verso para nenos sen límite de idade. Punver é orixinal xa na escolla do personaxe que titula o libro: un punki-vermiño; ou, o que é o mesmo, un verme punk. Nos debuxos de Eduardo Hermida que ilustran o conto, este verme, aventureiro de mais, loce, como non cabelo en punta, chupa negra, pano ao colo e un vistoso saión a cadros.
Aire fresco para a poesía e a narración infantil nun libro con chusco final que deu pé a numerosas actividades didácticas e vén de ser presentado, o 8 de agosto, na Fnac da Coruña. O conto é particularmente recomendable para aqueles que conciben a poesía como un xénero pesado, condenado á minoría lectora. Levaralles a cambiar de idea. Se o dubidan, fagan a proba con Punver.
César Quian
Sábado 1 de setembro de 2007
La Voz de Galicia. Culturas
Autores relacionados:
Castaño, Yolanda
Libros relacionados:
Punver
|
OLLOS DE AUGA O inspector Leo Caldas é moi coñecido na cidade de Vigo por levar un programa na radio, Patrulla nas ondas, ao que telefonan os oíntes para manifestar as súas queixas, a maioría delas competencia dos municipais.
No seu traballo de policía conta cun axudante, o axente Rafael Estévez, grande coma un mundo, trasladado desde Zaragoza polo seu carácter arroutado e uns modais un pouco ou nada temperados que os poñen en máis dunha situación comprometida.
Son os compoñentes da clásica parella que se contrapón pola diversidade dos seus caracteres, trazados, sobre todo no caso de Rafael, de xeito bastante esquemático, máis ben caricaturesco; o zaragozano non comprende a idiosincrasia galega, tamén abondo caricaturizada, o que da pé a algunhas escenas divertidas e ao desgusto do comisario.
Para resolver o asasinato de Lois Reigosa, saxofonista homosexual que toca todas as noites no Grial xunto cun contrabaixista irlandés e unha pianista, deberán introducirse no mundo dos laboratorios, no dos bares de ambiente e, de esguello, no da alta sociedade, aínda que non se afonda demasiado en ninguén deles.
A cidade de Vigo e os seus arredores, escenarios da novela, son obxecto de descricións maís que correctas que alternan cos diálogos e o desenvolvemento da acción sen cansar en ningún momento, pois están moi equilibradas.
O ritmo é o fluido que se espera neste tipo de obras e á habelencia do autor débese que non decaia a longo das duascentas corenta e pico páxinas, escasas ao meu entender.
En efecto, a parte final, a que nos leva á resolución da morte de Lois Reigosa, semella un chisco precipitada, coma se o autor quixese rematar canto antes. Nese sentido decepciona un pouco que non se demorase máis en despistar ou enguedellar o lector, que xa viña imaxinando que o aparente culpable non era máis ca unha cortina de fume.
A novela conta con todos os ingredientes do xénero, mesmo pequenos asomos da vida persoal e familiar de Leo Caldas; non faltan anécdotas humorísticas protagonizadas por Rafael Estévez que nos fan sorrir, malia que nalgúns casos se deban a esa tópica idiosincrasia galega xa referida; tampouco falta unha
significativa variedade de personaxes que se van sucedendo para conferirlle verosimilitude ao desenvolvemento da trama.
No caso de que esta sexa a primeira entrega dunha serie, o autor non empezou con mal pé e é de esperar que nas futuras os caracteres dos protagonistas vaian crecendo e conformándose até poñernos diante de personaxes máis complicados e completos.
Se cadra para o lector afeccionado de verdade á novel negra, con lecturas abondas sobre o seu lombo, esta non achegue máis ca unha trama cun enigma que cómpre resolver, maís sen grandes sobresaltos nin sorpresas. Porén, para os que ainda nn¡on navegaron en exceso por eses mares, constitúe unha boa ocasión para pasar unhas horas entretidos e gozar dunha prosa coidada.
Uxía Casal
Protexta
Verán 2007
Autores relacionados:
Villar, Domingo
Libros relacionados:
Ollos de auga
|
|
 |
 |
 |
 |
 |